Thursday 19 de September de 2024

María Vilas e Manuel Davila, gañadores absolutos da XII Gala do Deporte de Riveira


O Natural Sport Videlgi repite como mellor club

A Gala do Deporte de Riveira alcanzou a súa duodécima edición nun Auditorio no que se quixo distinguir aos mellores deportistas, clubs, entidades e colaboradores na tempada 2016.

Nesta ocasión, a primeira deportista olímpica na historia do municipio, María Vilas Vidal, 3ª no campionato de Europa en 1.500 libres, e o seu compañeiro do Club Natación Riveira Manuel Davila Lustres, campión galego absoluto de verán de 400 metros estilos, campión galego de longa distancia de 3.000 metros libres e segundo clasificado no campionato galego de inverno en 800 metros libres, se erixiron nos mellores deportistas absolutos en categorías feminina e masculina, en tanto que o Natural Sport Videlgi repitiu como mellor club.

A Gala, dunha hora de duración, estivo conducida polo actor Sergio Pazos e o seu irreverente humor.

O acto comezou coa entrega do premio do mellor evento á Escola de Boxeo El Canario pola organización da IV Velada de Boxeo Cidade de Riveira. A continuación, foron galardonados o equipo xuvenil do Sálvora CF na categoría de equipo de competición destacado e á empresa Congalsa en patrocinio deportivo. Juan Carlos Brión, do Club Natación de Riveira, recibiu o distintivo obsequio coa efixie do león de Padín no apartado de labor técnico.

Como mellor deportista feminina sub 18 vencey Ana Dosil Gago, do Club Natural Sport; mentres que Manuel Tomé Sanlés, do Club Natación Riveira fíxose co galardón en sub 18 masculino e Álex Vidal, do Natural Sport, repite un ano máis como mellor deportista con discapacidade.

Mérito deportivo
Antes de proceder ás categorías máis importantes de mellores deportistas absolutos e mellor club, José García Miguens, “Pepe de Evangelina”, recibiu o premio ao mérito deportivo pola súa traxectoria, na que comezou a destacar como futbolista en equipos de Riveira, Noia ou o Arenal de Santiago, emigrando despois a Australia onde acadou o subcampionato da copa nacional co Apia de Sydney. Posteriormente xogou na Juventus de Camberra e retornou á súa terra para a rematar a súa carreira deportiva no Atlético Riveira. Tamén destacou no fútbol sala en equipos como o Frinsa —foi un dos seus fundadores—, A Poutada ou a Rosaleda.

A gala finalizou como vén sendo tradicional coa intervención do alcalde Manuel Ruiz, quen tivo palabras de recordo para o falecido Ricardo Pérez Queiruga pola súa contribución ao fomento do deporte no noso concello.